Denuncian ao Internet Archive de piratería masiva de libros

martes, 2 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Dende hai anos o Internet Archive fai un grande traballo de preservación dixital de contidos culturais, pero a finais de marzo, por mor do confinamento, decidiron que a súa biblioteca dixital con máis de 1,4 millóns de libros pasase a operar como unha Biblioteca de Emerxencia Nacional até o 30 de xuño (ou o remate do estado de alarma) eliminando as listaxes de agarda para os empréstamos de libros, facilitando así que estudantes de todo EE.UU. puidesen acceder ao material literario que precisasen. Esta iniciativa sería complementaria ao acceso a 2,5 millóns de libros de dominio público dentro do Internet Archive.
Aínda que esta iniciativa estea ben intencionada, realizouse de xeito unidireccional, sen consultar ás editoriais afectadas, o que levou a que Hachette, HarperCollins, Wiley e Penguin Random House denunciasen conxuntamente ao Internet Archive polo que consideran que é unha vulneración masiva do copyright, xa que os autores e editores non reciben compensación algunha pola disposición de copias dixitalizadas das súas obras, ás que describen directamente como copias piratas que afectan claramente ás vendas de libros en soporte físico e electrónico. De feito, os editores non só consideran que a biblioteca dixital efémera vulnerase os seus dereitos, senón que incluso apuntan a que a creación de copias dixitais das súas obras impresas sen a licenza oportuna é unha vulneración do copyright.
Os editores que denuncian ao Internet Archive tamén destacan que o argumento empregado para manter unha biblioteca dixital con empréstamos limitados (como analoxía a unha biblioteca física) xa que non existe ningunha lei que permite a copia e distribución dixital de libros polo mero feito de ter un exemplar físico.
A solución desta situación sería bastante complexa, pois estiman que os datos provocados polo Internet Arquive terían un valor duns 150.000 dólares, que debería asumir a institución se non quere que as reclamacións pasen aos seus usuarios, aos que podería culparse por infrinxir o copyright.

PUBLICIDADE