Denuncian a aparición de publicidade intrusiva en NBA 2K21

luns, 19 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Que paguemos 60 euros por un xogo non parece ser dabondo para os seus editores, que sorprenden con prácticas como a que están a realizar co xogo NBA 2K21, no que nas versións para PlayStation 4, Xbox One e PC detectaron que antes dos partidos poden aparecer anuncios publicitarios en vídeo que no poden saltarse por parte do xogador e que claramente duran máis que o tempo de carga do partido.
Dende Stevivor falan concretamente dun anuncio do casco de realidade virtual Oculus Quest 2, que é un produto de Facebook, ou sexa, que non ten vinculación directa con Electronic Arts, polo que non hai dúbida ningunha de que se trata de publicidade pura, e o feito de que o xogador non poida sequera saltar o anuncio supón unha grande agresión á experiencia de xogo e un abuso cara ao usuario.
En setembro Electronic Arts fixo algo semellante co xogo UFC 4, ao engadir anuncios durante as repeticións, e tras unha reacción negativa por parte dos usuarios decidiron eliminar os anuncios. Este tipo de prácticas terían sentido nun xogo free-to-play, pero ao estarmos ante xogos a prezo completo, supón un auténtico abuso, que de non corrixirse rapidamente podería prexudicar seriamente á imaxe de EA e da marca NBA 2K.

Vídeo no que podemos ver o anuncio de Oculus Quest 2 dentro de NBA 2K21

PUBLICIDADE