Acusan a Huawei de facer trampa nos benchmarks

venres, 7 de setembro do 2018 Marcus Fernández

As posicións que presentan varios móbiles de Huawei nas probas de rendemento non estarían xustificadas, por realizaren trampas ao detectar que están a someterse a un benchmark

Nas listaxes dos smartphones máis potentes do mercado domina actualmente o procesador Qualcomm Snapdragon 845, de xeito que está presente en 8 dos 10 móbiles máis potentes segundo o Antutu Benchmark, ocupado o resto dos postos (concretamente o 5º e o 10º) Samsung co seu Exynos 9810 (empregado polo Galaxy Note9 e o Galaxy S9+), de xeito que os procesadores de Mediatek ou os Kirin de HiSilicon semellan estar aínda moi lonxe da excelencia, de aí que sorprendesen os resultados de rendemento de certos móbiles de Huawei, con procesadores Kirin, o que parece ser froito dun engano por parte do fabricante chinés.
Segundo UL, compañía responsable da ferramenta 3DMark (que podemos descargar de balde no noso dispositivo móbil con Android), Huawei estaría a facer trampas con varios dos seus móbiles para conseguir unha maior puntuación en probas de rendemento, polo que decidiron eliminar varios dos seus modelos das listaxes dos mellores móbiles do mercado.
Tras analizar o rendemento de varios móbiles coa súa aplicación de benchmark, e contrastar os resultados cunha versión privada da aplicación, detectáronse resultados moi diferentes, ou sexa, que varios móbiles ao detectar que estaban a ser sometidos a unha proba de rendemento pisaban o acelerador facendo trampa, conseguindo uns resultados até un 47% mellor do normal.
Os móbiles trampóns serían o Huawei P20 Pro, o Huawei P20, o Huawei Nova 3 e incluso o novo Honor Play, e a súa infracción consistiría en activar o seu modo de máximo rendemento nas aplicacións de benchmark, comportamento que non está permitido por este tipo de aplicacións, e que xa se ten detectado en anteriores ocasións por outros fabricantes, pero que tras varias denuncias parecía terse erradicado.
Cómpre lembrar que os modos de máximo rendemento non son normais, xa que teñen un consumo enerxético moi elevado e tenden a quecer excesivamente os dispositivos e, aínda que en moitos casos poden activarse manualmente, practicamente quedan limitados ao seu uso con videoxogos por parte de usuarios moi esixentes que saben realmente o que están a facer.
En calquera caso non podemos esquecer que os datos arroxados polas aplicacións de benchmark non son fiables á hora de valorar o desempeño dun dispositivo, pois miden a súa forza bruta e non un uso real, de aí que sexa habitual que varios dos móbiles considerados mellor valorados polo usuario non son líderes neste tipo de aplicacións (como acontece, por exemplo, cos móbiles que contan con versións puras de Android, que tenden a funcionar dun xeito fluído, deixando claro que é posible conseguir experiencias de uso óptimas sen a mellor configuración de hardware do mercado).

PUBLICIDADE