Dentro dun ano a PS5 podería mudar radicalmente de deseño

martes, 20 de setembro do 2022 Marcus Fernández

A PlayStation 5, pese aos problemas de abastecemento, é unha consola bastante viva, que dende o seu lanzamento xa experimentou 3 deseños internos diferentes, e agora aseguran que probablemente a redor setembro de 2023 vexamos o seu primeiro redeseño importante, que sería algo semellante aos modelos Slim das anteriores PlayStation, no que a un cambio estético se refire, pois suxiren que o novo modelo de PlayStation 5 podería ter unha unidade de disco óptico externa, que podería conectarse á consola a través dun porto USB-C adicional na parte traseira da máquina.
Actualmente véndense dous modelos de PS5, con ou sen unidade óptica, o que fai que teñan chasis diferentes, pero de haber unha PS5 á que puidese incorporarse o lector de Blu-ray podería simplificarse a fabricación da consola, de xeito que habería un único modelo de consola, que podería levar ou non a unidade óptica na caixa ao mercala (e que tamén podería adquirirse por separado).
Estamos ante unha información que resulta bastante rechamante, xa que Sony aprendeu polas malas as consecuencias de vender consolas que non precisasen de xogos en formato físico (a PSP Go fora un rotundo fracaso), e non parece razoable que vaia realizar un cambio de deseño que poida verse como unha ameaza por parte dos establecementos físicos. En calquera caso, faltan moitos meses para que chegue o momento, e aínda non se normalizou a distribución dos modelos actuais de PS5, polo que parece prematuro falar de cambios de deseño.

PUBLICIDADE