Dende Epic Games pensan que ao iPad só lle falta un mando para poder competir coas consolas domésticas

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Infinity Blade: Dungeons presentouse como un exemplo da potencia gráfica do novo iPad

Durante a presentación do novo iPad a xente de Epic Games amosou Infinity Blade: Dungeons, un spin-off da saga Infinity Blade que muda de xénero para converterse nunha especie do clásico Diablo para iPad, cuns gráficos realmente impresionantes que dan a entender que os dispositivos de Apple están preparados para competir coas consolas de videoxogos tradicionais, de aí que o director do estudo de videoxogos, Mike Capps, atrévese a dicir que iso será unha realidade en canto se dispoña dun sistema de control físico alternativo á pantalla táctil.
Capps pensa que un mando oficial de Apple (ou doutro fabricante) podería ser unha boa solución para o iPad, e de conectarse o tablet ao televisión teriamos moi pouca diferenza co que actualmente ofrecen as consolas de videoxogos domésticas.
Pero a opinión de Capps non parece estar acorde co resto do sector dos videoxogos, que parece preferir que os dispositivos móbiles teñan a súa propia identidade, de xeito que estean máis enfocados a partidas rápidas en vez das experiencias inmersivas ás que téndese nos xogos ao redor dunha pantalla de grande tamaño.


Vídeo promocional de Infinity Blade: Dungeons

PUBLICIDADE