Dell presenta un monitor táctil de 70 polgadas para conferencias

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Pensando na realización de presentacións de negocios Dell vén de presentar unha revisión do seu monitor Dell 70 para salas de conferencia (modelo C7016H) que contaba cunha diagonal de 70 polgadas e resolución Full HD, e dótao de capacidades táctiles converténdoo no Dell 70 Interactive, levando o seu prezo nos EE.UU. até os 4.999,99 dólares.
Este novo monitor busca atender á demanda de pantallas planas interactivas, que parecen estar collendo o relevo dos encerados dixitais baseados en proxectores de vídeo, por achegar unha experiencia moito máis confortable e sen problemas de sombras nin complicadas instalacións.
O novo monitor ten un panel táctil de 10 puntos que inclúe 2 lapis dixitalizadores, de xeito que é axeitado para usos colaborativos. Ten unha capa antirreflexos e antigraxa, de xeito que as imaxes en pantalla vense sempre nítidas, e goza dunha ampla conectividade (incluso conta con tomas RS232 e RJ45 para facilitar o seu control remoto) podendo ampliarse cun dispositivo opcional que o dota de conectividade sen fíos.
Este monitor Full HD de 1.593,5 x 932,6 x 95,1 milímetros e 78,5 quilos de peso (55,5 quilos se falamos só do panel, xa que é posible montalo na parede) conta cunha entrada VGA, unha entrada DisplayPort, 2 portos HDMI 1.4 (sen MHL), un porto HDMI (con MHL), entrada e saída de audio, 1 porto USB 2.0 para o uso das súas funcionalidades táctiles e 4 portos USB 3.0 (dos que un pode achegar carga rápida). Unha solución moi completa para salas de conferencias.

PUBLICIDADE