Dell presenta os seus novos tablets con Windows 8.1

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Este mes Microsoft porá á venda os seus tablets Surface 2 e Surface Pro 2, pero non é a única compañía que está a preparar o lanzamento de novos tablets que funcionarán con Windows 8.1, senón que tamén Dell está a preparar os seus novos equipos co sistema operativo de Microsoft, os Dell Venue 8 Pro e Dell Venue 11 Pro, que destacarán polos seus prezos axustados, o que pode contribuír especialmente á adopción deste tipo de tablets polo público (especialmente polos usuarios empresariais, que son os que máis vantaxes ben de gozar dun sistema operativo de escritorio completo nun tablet).
O Dell Venue 8 Pro chegará o 18 de outubro aos EE.UU. (e outros países entre os que aínda non sabemos se estará España) a un prezo de 299,99 dólares, terá unha pantalla IPS de alta definición (720p) de 8 polgadas, procesador Intel Atom de 4 núcleos, opcións de conectividade avanzadas, unha boa autonomía, a versión doméstica do Office 2013 incluída e a opción de adquirir un Dell Active Stylus para poder tomar notas ou debuxar sobre a pantalla do tablet.
Pola súa banda o Dell Venue 11 Pro sairá á venda en novembro a un prezo de partida de 499,99 dólares, que poderá facer tanto de Ultrabook como de tablet, achegando a potencia propia de equipos de escritorio grazas ao uso de procesadores Intel Core i3 e i5 de cuarta xeración. A súa pantalla IPS de 10,8 polgadas é Full HD, sorprende ao funcionar cunha batería extraíble, integrará NFC e estará dispoñible con varias opcións de teclado e lapis dixitalizador.
Temos así unhas opcións moi interesantes que teñen moitas bazas para converterse nos equipos portátiles con Windows 8.1 máis versátiles e económicos dentro da oferta de marcas recoñecidas, presentando uns prezos extraordinariamente inferiores aos dos tablets de Microsoft (lembremos que o prezo de partida do Surface Pro 2 é de 879 euros, fronte aos 499,99 dólares do Dell Venue 11 Pro).

Os novos tablets de Dell funcionan cunha versión completa de Windows 8.1, polo que poden facer as funcións de portátil de incorporarlles un teclado externo

PUBLICIDADE