Dell incorpora ao seu catálogo un monitor de 27 polgadas con panel AH-IPS

mércores, 8 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios profesionais que precisen de monitores de alta calidade para o desenvolvemento do seu traballo poden ir engadindo na súa listaxe de desexo unha nova pantalla de Dell que está comezando a distribuírse a nivel mundial (xa aparece nas páxinas web da compañía no Xapón e en Australia) e que sería a primeira en facer uso dun panel AH-IPS (advanced high-performance IPS) que ofrecería unha cor e unha claridade que superaría as xa suficientemente boas pantallas IPS. O monitor Dell U2713HM ten unha diagonal de 27 polgadas, unha resolución de 2.560 x 1.440 píxleles, un ángulo de visión moi amplo (178 graos tanto en vertical como en horizontal), boa conectividade (4 portos USB 3.0, VGA, DisplayPort 1.2, DVI, HDMI e saída de audio), un brillo de 350 cd/m2, un tempo de resposta de 8 milisegundos e un soporte que permite axustar a inclinación da pantalla.
A todas luces parece un monitor marabilloso, podendo ser a súa principal eiva o prezo, que polo momento non está nada claro en España, pois no Xapón véndese a 49.980 iens (514,90 euros) e en Australia por 799 dólares (682,63 euros), pero en calquera dos casos estaría moi por debaixo dos 999 euros que custaría un monitor LED Cinema Display de Apple, que sería o máis semellante ao novo monitor de Dell que poderiamos atopar no mercado actualmente.

O novo monitor de Dell sitúase entre os mellores do mercado na actualidade grazas á súa pantalla AH-IPS

PUBLICIDADE