Dell abre a venda anticipada da súa solución de realidade mixta

venres, 15 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A realidade mixta de Windows está a ultimar a súa chegada, e tras a publicación da ferramenta que permítenos saber se o noso equipo ten potencia dabondo para gozar desta tecnoloxía xa hai fabricantes que lánzanse a ofrecer comercialmente os seus cascos de realidade mixta para que os usuarios máis ansiosos poidan gozar da mesma dende o primeiro día. É o caso de Dell, que nos EE.UU. xa permite reservar o seu Dell Visor a un prezo de 349,99 dólares, así como os Dell Visor Controllers por 99,99 dólares (sen realizar desconto algún pola súa compra conxunta) para recibilos a partires do 17 de outubro.
Lembremos que o Dell Visor é un casco que integra un par de pantallas LCD de 2,89 polgadas cunha resolución de 1.440 x 1.440 píxeles a 90 Hz fabricadas por Sharp que prometen achegar experiencias en 360 graos moi nítidas (cun ángulo de visión de 110 graos), que contan cun deseño semellante a PlayStation VR, o que supón que o casco ten o peso bastante equilibrado para non presionar excesivamente a cara do usuario e conseguir así que o seu uso sexa confortable.
Tamén é moi destacable o feito de que este tipo de cascos integran sensores de posición e de seguimento do movemento, de xeito que non é preciso instalar sensores na habitación na que se usan, facilitando moito a súa instalacións, de xeito que chegaría con guiar do casco ao ordenador un cable en Y que integra un USB 3.0 para alimentarse e un HDMI para coller o sinal de vídeo.
Para facilitar a comercialización desta tecnoloxía Dell incluso vai pór á venda lotes de equipos informáticos co casco e os mandos de realidade mixta nos que incluso inclúen portátiles que terían un prezo total de 1.249 dólares de partida, algo moi afastado aos prezos que tiñan as solucións completas de realidade virtual hai un ano, demostrando a velocidade á que esta tecnoloxía se está a facer asumible para os consumidores.

PUBLICIDADE