Defensa traballa xa na cesión de instalacións para a creación da Cidade das TIC na Fábrica de Armas

martes, 11 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Goberno central deu hoxe un novo e definitivo empurrón ao proxecto coruñés para converter a Fábrica de Armas na Cidade das TIC, unha iniciativa impulsada pola Universidade e que conta xa co apoio dunha manchea de entidades diversas e empresas, entre as que se conta o Concello, a Deputación da Coruña e, como lembramos hai só uns días dende Código Cero, o Goberno galego. Á listaxe de apoios sumouse dende os seus comezos o Executivo estatal, cuxo delegado de Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou hoxe que a recuperación da fábrica é “unha mostra do compromiso do Goberno central coa Coruña”. Dixo isto xusto despois de que Ministerio de Defensa custodiase as instalacións do complexo militar tras o desaloxo voluntario levado a cabo polos responsábeis de Hércules de Armamento, concesionaria das instalacións.
Javier Losada reiterou que “o proceso de recuperación culmina de forma especialmente satisfactoria para os ex-traballadores da fábrica, para os coruñeses e para as empresas tecnolóxicas que poderán dispor dun espazo único para o desenvolvemento da súa actividade, o que sen dúbida repercutirá de forma notábel na economía da Coruña e de Galicia”.
O desaloxo voluntario de hoxe
Dando cumprimento á sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso número 4 da Coruña, e tralo acordo alcanzado co responsábel de Hércules de Armamento, o delegado de Defensa de Galicia, Antonio Bernal Martín; e o xestor da área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa na Coruña, Miguel Ángel Corcoba Valle, acompañados por persoal da Delegación de Defensa, acudiron hoxe á Fábrica de Armas ás 7.15 horas. Quince minutos despois, os representantes de Hércules de Armamento abandonaron as instalacións, procedéndose xa nas instalacións da Delegación de Defensa á sinatura oficial da entrega da Fábrica de Armas ao Ministerio de Defensa, que tivo lugar ás 8.50 horas.
Losada lembrou que nas vindeiras horas está prevista a chegada duns 50 militares pertencentes á Sección Orgánica da BRILAT de Pontevedra, que se encargarán da vixilancia e custodia das instalacións, á vez que desenvolverán durante estes días diversas manobras de adestramento.
As tarefas de vixilancia e custodia serán desenvolvidas polo persoal do Ministerio de Defensa até que se formalice a cesión das instalacións á Universidade da Coruña. Desta maneira, engadiu Losada, “cumprirase o compromiso establecido para o impulso da Cidade das TIC”. O delegado do Goberno tamén recordou que Defensa atópase traballando xa na cesión de solo e instalacións para permitir que se converta en realidade o proxecto tecnolóxico-empresarial da UDC.

PUBLICIDADE