Declaración institucional da Xunta co gallo do Día Mundial da Sociedade da Información
sábado, 17 de maio do 2025
Hoxe é unha data moi especial, pois coincide o Día das Letras Galegas co Día Mundial da Sociedade da Información, e con respecto a esta última conmemoración, reproducimos a continuación a declaración institucional da Xunta de Galicia:
O 27 de marzo de 2006, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 17 de maio Día Mundial da Sociedade da Información co obxectivo de promover o bo uso das tecnoloxías e difundir e facer universalmente accesibles os seus beneficios.
Para nós, os galegos e as galegas, esta data coincide felizmente co día en que celebramos o orgullo de dispoñer dunha lingua para nos comunicar para crear e para medrar como país. A lingua e a súa defensa e promoción é un elemento central no logro dos obxectivos de dispoñer dunhas tecnoloxías útiles e ao servizo das persoas.
A Xunta de Galicia comparte o lema adoptado polo Comité de Impulso do Día de Internet en España, do que formamos parte: “Por unha nova xeración de Internet comprometida coas persoas” describe un obxectivo transversal que comparten todas as iniciativas e actuacións que levamos a cabo na Xunta e, en concreto, na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Nos últimos meses, a Xunta foi quen de elaborar e lograr a aprobación no Parlamento sen votos en contra da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia.
Somos a primeira rexión europea en dispoñer dun marco legal para a adopción e aplicación desta tecnoloxía na Administración de acordo con criterios de eficacia, seguridade e garantía de respecto aos dereitos das persoas.
O desenvolvemento e gobernanza responsable da Intelixencia Artificial é, precisamente, un dos puntos do decálogo presentado este ano polo Comité de Impulso do Día de Internet.
Asumimos, así mesmo, os obxectivos de promover a tecnoloxía ao servizo da inclusión e accesibilidade; asegurar o benestar dixital; fomentar a transparencia e o empoderamento da cidadanía; fomentar o pensamento crítico e loita contra a desinformación; fomentar a participación activa, responsable e democrática; garantir a sustentabilidade; promover a confianza e a ciberseguridade; garantir a privacidade e control dos datos; e fomentar a innovación e as redes do futuro.
En definitiva, neste Día Internacional da Sociedade da Información, a Xunta renova o seu compromiso co desenvolvemento dunhas tecnoloxías ao servizo das persoas, éticas, seguras e capaces de xerar benestar, riqueza e emprego para a nosa terra.