Declaración institucional da Xunta de Galicia co gallo da conmemoración do Día da Internet

luns, 17 de maio do 2010 Redacción

Hoxe, día de Internet, a Xunta de Galicia quere celebrar con todos os galegos os avances que achega a Rede e facer balance dos pasos que quedan por dar para non perder o tren da sociedade da Información. A coincidencia coa celebración do Día das Letras Galegas é tamén un bo motivo para lembrar os instrumentos que proporcionan as novas tecnoloxías para impulsar o coñecemento da cultura galega no mundo.
O concepto de infraestruturas xa non se limita hoxe ao asfalto das autoestradas e outras vías de comunicación senón que se estende á fibra óptica, ás redes sen fíos e ás tecnoloxías de nova xeración que nos permiten acceder desde un terminal a calquera información en calquera punto da xeografía mundial. O despregamento destas infraestruturas é a primeira prioridade da Xunta de Galicia no ámbito das telecomunicacións para asegurar a vertebración dixital do territorio.
Con este obxectivo estase a desenvolver o Plan de Banda Larga 2010-2013 para garantir o acceso á Internet de calidade eliminando barreiras orográficas e interconectando a todos os galegos vivan onde vivan. Os beneficios de Internet non se limitan ás inestimables posibilidades de xerar emprego e novos negocios, xa que como se recolle nas palabras do psiquiatra Luis Rojas Marcos “Internet é positivo porque nos une, nos conecta incluso ás persoas maiores. Estar conectado prolónganos a vida e non so engade anos á vida senón vida aos anos”.
Dende o Goberno galego tense a plena convicción que o acertado das decisións dun país e o seu esforzo inversor en infraestruturas de telecomunicacións determinará a súa capacidade, actual e futura, para competir. Por iso o despregamento da banda larga é só unha parte do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que está a elaborar a Administración autonómica e que implica actuacións no ámbito das telecomunicacións, a modernización administrativa, a dinamización da sociedade da información e o impulso do sector empresarial das novas tecnoloxías.
O diálogo e a unión de esforzos cos sectores implicados no eido das novas tecnoloxías é unha das liñas estratéxicas que marca a actuación da Xunta para levar adiante estes proxectos. Neste sentido, o Goberno galego ten moi presentes aquelas reivindicacións do sector que redundan en beneficio da riqueza e do avance de Galicia. Así se está a constatar no apoio da Administración autonómica á candidatura de Galicia como futura sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións o que reportaría á Comunidade a xeración de máis de 200 empregos directos e de calidade, potenciaría o desenvolvemento industrial no sector das telecomunicacións e incrementaría os proxectos internacionais de alto carácter tecnolóxico.
Nesta carreira de fondo que supón avanzar á par das esixencias que xera a sociedade da información, a Xunta de Galicia ten moi presentes ás necesidades dos diferentes colectivos sociais, especialmente dos que teñen máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías. Por iso, a formación específica nesta materia, segundo o grao de coñecemento de cada individuo, é unha realidade a través da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica, presente en 94 concellos, onde profesionais, persoas maiores e outros colectivos teñen acceso ás TIC. Non se trata só de facilitar infraestruturas senón tamén de xerar unha demanda do uso da Rede e de informar das posibilidades e vantaxes que ofrece Internet en todos os ámbitos. Este é o camiño no que se está a avanzar desde a Xunta de Galicia para que todos os galegos teñan un acceso igualitario ás tecnoloxías da información e da comunicación.

PUBLICIDADE