Dead Island, Resident Evil 6 e Payday 2 incorporaranse a Xbox Game Pass en xullo

mércores, 28 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O servizo Xbox Game Pass botou a andar oficialmente o pasado día 1 ofrecendo preto dun cento de xogos para Xbox One por unha cota de subscrición de 9,99 euros/mes, coa promesa de que cada mes iríase renovando o catálogo de xogos dispoñibles, e comezan cumprindo moi satisfactoriamente, xa que veñen de anunciar os xogos que incorporarán ao Game Pass o 1 de xullo, e son títulos que moitos agradecerán.
O xogo máis salientable é Dead Island Definitive Edition, un título de zombis que tivo un grande impacto que deu lugar a toda unha franquía, aínda que non será o único título do xénero que chegará en xullo, senón que tamén recibirase o xogo de acción en terceira persoa Resident Evil 6, que se ben está considerado un grande fracaso, é o derradeiro da etapa de acción da franquía, polo que pode resultar moi interesante achegarse a el se o deixamos pasar no seu día.
Dado que o Xbox Game Pass busca variade, o resto de novos xogos son bastante diferentes, e así temos o título de condución F1 2015, o xogo de supervivencia The Flame in the Flood, os plataformas Guacamelee! Super Turbo Championship Edition e Bard’s Gold, o xogo de infiltración Monaco: What’s Yours is Mine e o título de acción multi-xogador Payday 2.

Vídeo no que presentan os xogos que Xbox Game Pass recibirá en xullo

PUBLICIDADE