Day of the Tentacle estreará remasterización o 22 de marzo

martes, 8 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A secuela de Maniac Mansion, Day of the Tentacle, está considerada como unha das máis emblemáticas aventuras gráficas de LucasArts, e para facilitar que poidamos recuperar esta magnífica produción en equipos informáticos modernos prepararon unha remasterización que sairá á venda o vindeiro día 22, podendo xa reservarse na súa versión para PC a través da tenda en liña GOG.com a un prezo promocional de 13,49 euros, aínda que Double Fine Productions tamén confirma que na mesma data o xogo contará con versión para PlayStation 4 e PS Vita, que tamén poderá reservarse en breve como título cross-buy.
A remasterización de Day of the Tentacle ofrecerá un xogo totalmente fiel ao orixinal, no que incluso poderemos saltar sobre a marcha entre os gráficos clásicos e os gráficos renovados (pintados de novo completamente a man), estando tamén dispoñible a súa música en dúas versións, de xeito que tanto poderemos revivir a experiencia de xogo orixinal ou gozar do título aproveitando os recursos dos equipos actuais (e, por exemplo, adaptando a vista ás pantallas panorámicas).
O xogo inclúe a versión completa de Maniac Mansion, polo que os seareiros de Tim Schafer teñen a posibilidade de gozar de ambas das súas creacións máis persoais.

Comparación entre as aparencias nova e clásica do xogo

Vídeo no que anuncian a apertura das reservas do novo Day of the Tentacle en GOG.com

PUBLICIDADE