David Calle esgota as prazas dispoñíbeis para a súa charla en Vigo

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

Finalmente a expectación xerada pola presenza esta semana en Vigo de David Calle, creador da plataforma Unicoos, superou as previsións. Tanto é así que segundo nos conta ABANCA, xa non quedan entradas dispoñíbeis para asistir á conferencia Flipped Classroom ou como dar unha volta ás clases a cargo do profesor David Calle, un dos dez finalistas dos prestixiosos premios internacionais Global Teacher Prize do presente ano. Como lembraremos, a sesión celébrase este venres 28 de abril no auditorio do Teatro Afundación de Vigo (no número 13 da rúa Policarpo Sanz). A charla, inserida no ciclo Educación e docencia no século XXI de AFundación, xirará arredor dos recursos tecnolóxicos e os avances científicos e metodolóxicos ao servizo da educación.
Calle é enxeñeiro de Telecomunicacións e dende hai anos compatibiliza a súa vertente tecnolóxica cunha marcada vocación docente. En 2011, precisamente, deu forma a Unicoos, referencial canle de Youtube no ámbito das plataformas educativas. Para quen non o saiba, Unicoos é hoxe en día o primeiro portal educativo do ámbito español e o terceiro no mundo, con 700.000 subscritores en YouTube, 175.000 seareiros en Facebook e 30.000 en Twitter. Ademais, xa foron gravados ao abeiro desta iniciativa 700 vídeos cos recursos de seu da academia dixital.
Recentemente, Calle foi elixido Youtuber do Ano nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao Global Teacher Prize, considerado o premio Nobel da educación.

PUBLICIDADE