David Bowie sairá en LEGO Rock Band

mércores, 7 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O anuncio dun xogo musical que aproveite as figuras de LEGO coma imaxe sorprendeu nun primeiro momento, posto que a franquía dos bonecos destacaba nos seus atractivos xogos de aventuras resultando difícil de entender na saga de Rock Band, pero dá a impresión de que a combinación destes dous mundos non foi pouco atinada, e así xa hai músicos coma Iggy Pop e David Bowie que emprestan a súa imaxe para aparecer no LEGO Rock Band, xogo que chegará ás tendas españolas para o 27 de novembro nas súas versións para Xbox 360, PS3, Wii e Nintendo DS.
Deste xeito, xa non só veremos como Batman, Indiana Jones e os personaxes de Star Wars collen a aparencia de bonecos de LEGO, senón que recoñecidos cantantes tamén verán tal transformación para goce dos seus seareiros. Os desenvolvedores do xogo incluso procuraron replicar os vídeos musicais das cancións que interpretan os coñecidos cantantes, aínda que non desvelaron a lista completa dos mesmos.

Iggy Pop tamén estará presente no LEGO Rock Band


Polo momento sabemos que Iggy Pop interpretará o seu tema The Passenger, mentres que David Bowie fará o propio con Let’s Dance, coma podemos ver no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE