Dase a coñecer a curta gañadora do Esmorgaphone
mércores, 30 de decembro do 2009
- Un dos fotogramas da curta gañadora.
Un ex alumno da Universidade de
Vigo, Jacobo Lorenzo Nespereira, sabedor de que a día de hoxe os móbiles serven
para algo máis que para chamar, enviar SMS, xogar, escoitar música ou facer
fotos (que non é pouco), vén de gañar o Esmorgaphone,
un concurso organizado pola vicerreitoría do campus de Ourense que consistía en
gravar unha curtametraxe sobre A Esmorga
cun teléfono móbil.
Jacobo presentou ao certame unha
curta de preto de dous minutos de duración titulada Páxinas de Esmorga
na que recolle os espazos que Eduardo Blanco Amor empregou para escribir a súa
obra.
Ao certame presentáronse un total
de 4 pezas, as cales optaban a facerse cun teléfono móbil de última xeración e
co recoñecemento da organización polo traballo realizado en prol da promoción
deste gran clásico da literatura galega.
A
Esmorgaphone é un dos eventos organizados con motivo da conmemoración do
50 aniversario da publicación da obra A Esmorga, de Eduardo Blanco
Amor. Por este motivo a temática dos traballos debía tratar sobre os
escenarios, a xente e os personaxes que o escritor plasmou no seu libro. Porén o
gañador explica que non quixo limitarse a gravar os lugares polos que pasan os
personaxes da publicación, senón que o seu obxectivo foi o de ”incluír eses espazos no seo dunha historia”.
Segundo as súas palabras, “quixen plasmar
o universo da Esmorga a través dos ollos dunha rapaza que entra
nunha libraría e que descobre o libro. A súa lectura vaina levar por todos eses
espazos que Blanco Amor plasmou na súa obra ata voltar de novo á libraría onde
remata a curta coa devolución do libro”.
Ao certame presentáronse outros tres
traballos máis: Blanco Amor 2, Esmorga e A Esmorga 50
anos despois. O xurado do concurso estivo formado por Antonio Pedraza en
representación do Festival Internacional de Cinema de Ourense, Manuel Precedo
en representación do Cine Clube Padre Feijóo e Filemón Rivas en representación
da Universidade de Vigo. Actuou como secretario, con voz pero sen voto, Cándido
Rodríguez.
Agora, a organización do certame está a
barallar a posibilidade de exhibir a totalidade dos traballos presentados, ou
unha selección dos mesmos, mencionando a súa autoría, no certame II Ourense
en curta, que terá lugar proximamente.