Darksiders e Kung Fu Panda entre os xogos de PS Plus en decembro

mércores, 29 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Xa é oficial a listaxe de xogos que durante o mes de decembro recibirán os subscritores de PlayStation Plus, que pisa bastante forte no que a xogos de PlayStation 4 se refire, xa que incluirá Darksiders II: Deathinitive Edition e Kung Fu Panda: Confrontación de Leyendas Legendarias. A segunda entrega de Darksiders é unha remasterización da aventura de acción lanzada inicialmente para PlayStation 3, á que actualizaron os seus gráficos para PS4 e incorporaron todos os seus contidos descagables; mentres que o título de Kung Fu Panda convídanos a participar en competicións de loita cos personaxes deste universo de animación e os seus únicos estilos de loita.
Para completar a oferta de xogos temos un mes máis Until Dawn: Rush of Blood e ¡Has sido tú!, e como exclusiva para España e Portugal ofrécese a nova campaña Furia Wardog do xogo Raiders of the Broken Planet.
Por outra banda, os xogos de PS3 de decembro serán Xblaze Lost: Memories e Syberia Collection; e para PS Vita serán Forma.8 e Wanted Corp.

Vídeo promocional dos xogos de PS Plus do mes de decembro

PUBLICIDADE