Daniel Noguera, á fronte de Red.es

venres, 29 de maio do 2015 Redacción

Daniel Noguera, até o de agora director do Gabinete do Secretario de Estado de Telecomunicacións e a Sociedade da Información (Víctor Calvo-Sotelo), é o novo director xeral de Red.es. Segundo informou o Consello de Administración (responsábel do nomeamento), o novo responsábel da entidade público-empresarial do Ministerio de Industria, desenvolveu no seu anterior posto “un importante labor na definición de obxectivos, deseño de plans e coordinación da Axenda Dixital para España, cuxa execución se leva a cabo en parte dende Red.es”. Noguera substitúe no seu cargo a César Millares.
Daniel Noguera Tejedor naceu en Madrid no ano 1964. É enxeñeiro superior de Minas pola Universidade Politécnica de Madrid. Malia a súa formación, a meirande parte da súa traxectoria laboral desenvolveuse no sector das Telecomunicacións. Máis polo miúdo, desempeñou postos de alta dirección en importantes empresas deste mercado, como por exemplo Orange España, Ericsson España.
Tralo seu nomeamento, Daniel Noguera declarou que a súa prioridade será “coordinar e executar as actuacións e programas que Red.es impulsa no marco dos plans específicos da Axenda dixital para España”. E engadiu: “Responder a este reto require da entidade público empresarial unha comunicación constante co sector privado, os distintos ministerios involucrados nos plans así como con outras administracións públicas”.

PUBLICIDADE