DC Universe Online estreará un episodio descargable o 13 de marzo

venres, 2 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O cambio de modelo de negocio do xogo DC Universe Online para converterse nun xogo ­free-to-play parece ser todo un éxito, pero o feito de que este título para PC e PlayStation 3 xa non precise de subscrición para poder botar unhas partidas non significa que Sony o teña esquecido, e confirman que o vindeiro día 13 van estrear un contido descargable para o mesmo, Battle of Earth, que ofrecerá unha nova historia na que enfrontarse ao malvado Brainiac.
Esta aventura repartirase en distintas localizacións entre as que destaca Themyscira, a Illa Paraíso da que é orixinaria Wonder Woman, e na que farán acto de presenza monstros mitolóxicos como cíclopes, hidras e colosos, sen esquecer a bestimorfos e a amazonas que darán certa diversidade ao combate. A cidade de Gotham tampouco se librará da invasión de Brainiac, aínda que é preciso destacar que esta atractiva ampliación só será de balde para os usuarios que paguen unha subscrición mensual ou que adquiran este DLC, o que é un dos factores que posibilitan a supervivencia deste título, que curiosamente xera máis ingresos dende que é posible xogar sen pagar, xa que amplía a súa base de usuarios, dos que un importante número adquire elementos para mellorar a experiencia de xogo.

Numerosas criaturas aparecerán nos combates que terán lugar en Themyscira
Battle of Earth transcorrerá en localizacións como a Illa Paraíso

PUBLICIDADE