Cyberpunk 2077 volve á PlayStation Store

luns, 21 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Tras unha estrea desastrosa do xogo Cyberpunk 2077, título que demostrou non estar debidamente rematado, presentando infinidade de fallos e, moi especialmente, unha falta de optimización para consolas da anterior xeración, dende Sony adoptaron unha medida da que non coñecemos precedente: retiraron o xogo da PlayStation Store. Deste xeito colocaron a CD Projekt Red nunha situación moi complicada, xa que actualización tras actualización o seu traballo tiña que ser avaliado para ver se era digno da súa reincorporación na tenda dixital de xogos de PlayStation, e finalmente tardaron medio ano en pulir Cyberpunk 2077 a un nivel dabondo para que por fin poida volver mercarse na PlayStation Store, aínda que non estamos aínda ante a fin da viaxe, pois a propia ficha da tenda inclúe un aviso importante: «algúns usuarios seguen a ter problemas de rendemento con este xogo. Non se recomenda compralo para o seu uso en consolas PlayStation 4. Para gozar da mellor experiencia de Cyberpunk en PlayStation, xoga en consolas PS4 Pro e PS5».
No estado actual de Cyberpunk 2077 para PlayStation 4 podemos dicir que estamos ante un xogo en desenvolvemento, en fase de probas, cun desempeño demasiado pobre, confiándose en que antes de rematar o ano poida chegar a unha condición digna, aínda que tamén cómpre salientar que tanto en PlayStation como en Xbox estamos aínda ante un xogo da xeración anterior que funciona nas novas consolas a través da retrocompatibilidade, ou sexa, que no futuro recibirá unha actualización para tirar un proveito real das novas máquinas, deixando claro que estamos ante un xogo que aínda está a moitos meses de poder considerarse rematado.

PUBLICIDADE