Cyberpunk 2077 estará dispoñible en Stadia

luns, 19 de agosto do 2019 Marcus Fernández

No primeiro Stadia Connect, vídeo publicado en xuño, soubemos detalles sobre a plataforma de xogo en streaming de Google como que chegará a España en novembro e unha primeira selección de xogos que estarán dispoñibles para esta especie de consola de videoxogos virtual, aos que se engaden títulos moi atractivos anunciados co gallo da Gamescom de Colonia, e que serían concretamente Cyberpunk 2077, Destroy All Humans!, Ghost Recon Breakpoint, Gods & Monsters, Kine, Marvel’s Avengers, Orcs Must Die! 3, SUPERHOT, Watch Dogs Legion e Windjammers 2.
Este segundo Stadia Connect serve para deixar claro que antes do lanzamento do servizo en novembro van a incorporarse moitos estudios de videoxogos a esta plataforma, para que bote a andar cun bo catálogo de xogos, animando así ao público a probar o xogo na nube, e o feito de que grandes lanzamentos como Cyberpunk 2077 vaian estar dispoñibles en Stadia pode ser un grande incentivo para dar unha oportunidade a esta plataforma de xogo, xa que usuarios que non conten con equipos de grande potencia poderían optar pola nube de Google como un xeito de gozar dun dos principais lanzamentos de 2020.
Cómpre lembrar que Stadia ofrecerá de balde a súa consola na nube para gozar de gráficos Full HD a 60 imaxes por segundo e son estéreo, de xeito que a súa subscrición de 9,99 euros/mes está destinada para os que queiran gozar dos xogos en 4K con son envolvente 5.1. Tamén é preciso salientar que en novembro só estará dispoñible o servizo para os subscritores de pagamento, que servirán como base de proba para o lanzamento xeral de Stadia en 2020.

Resumo do segundo Stadia Connect

PUBLICIDADE