CyanogenMod pasa o relevo a LineageOS

luns, 26 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Dende a aparición dos primeiros smartphones con Android existe unha corrente de desenvolvemento de versións modificadas dos sistema operativo para facilitar a súa personalización e achegar funcionalidades que non viñan de serie, destacando dentro deste fenómeno CyanogenMod (alcume de Steve Kondik), quen organizou todo un equipo de desenvolvemento de firmwares alternativos á versión de stock de Android, conseguindo grande reputación e converténdose no referente entre as chamadas ROM cociñadas.
En vista do éxito de CyanogenMod, hai tres anos decidiron crear a empresa Cyanogen Inc., que buscaría tirar proveito económico deste desenvolvemento aberto, de xeito que mentres a comunidade desenvolve versións de CyanogenMod para numerosos dispositivos, hai terminais específicos que gozan de soporte oficial do chamado Cyanogen OS, como inicialmente o Zuk Z1 ou, no caso español, o Bq Aquaris X5, de xeito que a versión modificada de Android viría instalada de fábrica, para fortuna de moitos entusiastas das instalacións limpas e personalizables de Android. Pero o funcionamento deste empresa foi problemático dende o primeiro momento, os dispositivos que se comercializaron inicialmente con Cyanogen OS perdían rapidamente o soporte, e finalmente Cyanogen anunciou o seu peche, e como consecuencia incluso a súa páxina web oficial quedou fóra de servizo, de xeito que xa non existe a infraestrutura que sostiña o proxecto de código aberto.
CyanogenMod levaba 8 anos dando guerra, e finalmente esmorece como marca, aínda que deixando lugar á súa descendencia ou liñaxe cun novo proxecto aberto, que podemos considerar un fork de CyanogenMod, e que leva precisamente por nome Lineage.
Steve Kondik, quen deixou Cyanogen Inc. en novembro, recoñece estar contento coa decisión de empezar de cero, e aínda que non se coñece exactamente como procederán para manter o novo proxecto vivo, o que si parece claro é que non volverán a empregar un paraugas corporativo, sendo bastante probable que organicen unha fundación para soster LineageOS como un proxecto conducido pola comunidade.

PUBLICIDADE