Culturgal acubillará esta fin de semana a presentación do Portal das Palabras

mércores, 27 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana que se vén enriba celébrase en Pontevedra o gran acontecemento cultural galego, que en certa maneira é o mesmo que dicir que se celebra a supervivencia da nosa cultura botando man de canta canle empreguen os seus destinatarios, incluída as cousas da Rede. En fin, que se celebra a nova edición de Culturgal e como é de agardar, amosaranse diferentes manifestacións do ensarillado das nosas letras coas novas tecnoloxías e canles de comunicación. Un ensarillado, por outra banda, do máis interesante. Entre estes froitos do fenómeno TIC a presentar no Pazo da Cultura de Pontevedra (dos que iremos dando conta estes días) inclúese o Portal das Palabras, do que se vai falar moito na tarde do sábado, no salón de actos do dito recinto pontevedrés e contando cos principais responsábeis da iniciativa web: a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
O Portal das Palabras, do que xa temos falado en Código Cero con motivo do seu lanzamento, é en boa medida unha casa-web na que petar e rebuscar na procura de xeitos diferentes e complementarios de acceder ás nosas letras. Máis polo miúdo, inclúense vídeos con explicacións sobre os significados das nosas palabras, artigos feitos polos membros da RAG nos que detallan os termos que máis lles gustan e unha versión avanzada do dicionario en liña da RAG (con procuras máis exhaustivas e específicas, sinónimos e versións deste recurso para teléfonos móbiles con sistemas iOS ou Android). Segundo explicou no seu día a RAG, a iniciativa vai dirixida a “moitos tipos de persoas, dende rapaces en idades escolar a persoas maiores que teñan interese polo noso idioma e o seu léxico; tamén cremos que pode ser útil para axente que desexe achegarse ao galego aínda que sexa de xeito inicial”.
Respecto á nova edición de Culturgal, lembrar que se celebra os dias 29 e 30 de novembro e 1 de decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. O salón, que volve ter o apoio directo de EGANET (o seu presidente, Víctor López, está implicado na directiva do evento), aumentou para esta edición a contratación de stands. Haberá cinco espazos definidos, sen renunciar á idea da casa común da cultura: Espazo libro, Espazo carpa, Espazo infantil, Espazo libro, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema.

PUBLICIDADE