Culturgal acubillará dez propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre TIC
luns, 12 de novembro do 2012
Como
avanzamos
hai uns días, a nova edición da feira Culturgal,
centrada en amosar o potencial e os novos camiños do noso sector das
industrias culturais, vai dar acubillo a un amplo programa de
actividades, moitas das cales estarán centradas directamente nas
novas tecnoloxías da información. En total, estamos a falar a dez
propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre as TIC a
desenvolver no marco de Culturgal 2012, que se celebra un ano máis
no Pazo da Cultura de Pontevedra, desta volta do 30 de novembro ao 2
de decembro. Segundo nos lembrou este luns 12 de novembro a
organización deste importante encontro, “ninguén
dubida xa da importancia que teñen na nosa vida cotiá as novas
tecnoloxías, así que resulta obvio dicir que tamén teñen cada vez
máis peso no eido da cultura e na súa difusión, de aí que as
experiencias TIC tiveran que ter o seu espazo relevante no Culturgal
2012”.
As accións tecnolóxico-dixitais de Culturgal centraranse na zona de
Garaxe, onde se convidará aos asistentes a comprobar por si mesmos a
utilidade das aplicacións e o seu funcionamento práctico.
Entre
estas propostas, cóntanos
a organización da feira galega,
atópanse aplicacións lingüísticas para móbiles como
GalApps e unha nova guía social de tabernas, Imos, das
que temos falado en Código Cero con motivo da posta
a disposición dos internautas da primeira e máis
das vantaxes da segunda. Tamén haberá
aplicacións para podermos carrexar no
iPad os nosos
cómics favoritos (Galaxia Cómic) e plataformas para a xestión de
públicos culturais (Culcities). Orama presentará
unha canle de móbil gratuíta para a promoción de actividades
socioculturais e Galaxia Tales unha plataforma de contos en rede. Own
the Way amosará en Culturgal
en que consiste un sistemas de atención a usuarios en tempo real
chamado RTUS e os asistentes á feira terán
a oportunidade de coñecer, tamén, os
detalles dunha nova plataforma para a
difusión de proxectos culturais no rural, RuralActual. Nasas Social
& Media, pola súa parte, enumerará os
beneficios da difusión de
produtos e proxectos culturais
a través das redes sociais, “e con
Guifi.net teremos a oportunidade de afondar no que implica unha rede
cidadá
sen fíos que facilita a interconexión dos computadores no ámbito
rural ou urbano”, engadiu
a organización.
Todas estas presentacións
son abertas ao público e gratuítas.
Asemade,
os
profesionais que se apunten ao Foro Culturgal terán unha
oportunidade única de coñecer experiencias na aplicación das
novas tecnoloxías e o multimedia nas aulas, a través de proxectos
que se están
a desenvolver na actualidade en Galicia. Comezará a xornada coa
conferencia do pedagogo e experto en novas tecnoloxías Manuel Area,
para despois coñecer experiencias como educaBarrié, Escolas á Nube
ou Tadega, asociación dedicada ao fomento do uso das TIC na atención
á diversidade nas aulas. Para rematar haberá catro obradoiros
dirixidos por integrantes de Imaxin, Tagen Ata, Galinus e Algueirada,
onde se traballará sobre o uso nas aulas de videoxogos, redes
sociais, museos interactivos e das ferramentas máis accesibles.
As
dez propostas TIC están dentro das máis de 140 actividades que
ofrece a Feira das Industrias Culturais do 30 de novembro ao 2 de
decembro. “Unha
intensa e completa fin de semana para poder aprender, conversar e
compartir. Música, teatro, danza, audiovisual, presentación de
libros, conversas con autores, obradoiros. Todo en vivo en directo no
Culturgal 2012”,
comentan
os organizadores.