Cultura renova os seus boletíns electrónicos

xoves, 8 de novembro do 2012 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria actualiza o seu boletín electrónico de novidades de Cultura para ofrecer un servizo de comunicación adaptado aos novos formatos, con recursos de interese para a cidadanía. Este soporte renovado que ofrece contidos da actualidade cultural a través de diversas seccións bota a andar hoxe mesmo, enviándose cunha frecuencia semanal, os xoves, aos enderezos electrónicos das persoas que están dadas de alta neste servizo informativo, o que pode facerse dende a páxina web da Consellería.
O boletín inclúe unha axenda semanal con exposicións, concertos, funcións teatrais, espectáculos de danza, actividades de dinamización á lectura, sesións de cine ou recitais, así como tamén obradoiros, festivais, seminarios, cursos etc. vinculados cos diversos ámbitos da cultura que se realizan nas catro provincias galegas.
Ademais da oferta cultural, o boletín achega unha selección das principais noticias da semana arredor da actividade cultural da Consellería, con información dos seus museos, bibliotecas e arquivos, das actuacións realizadas para a conservación e posta en valor do patrimonio, das iniciativas impulsadas para promover as industrias culturais galegas, dos espectáculos do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego ou da actividade que leva a cabo a Cidade da Cultura de Galicia.
Os contidos de axenda e de novas complétanse con información de interese sobre as convocatorias públicas máis recentes realizadas pola Consellería sobre temas culturais, tales como subvencións, bolsas de formación ou premios. Así mesmo, a través deste apartado podemos coñecer as novidades en materia legal que se publican no Diario Oficial de Galicia. Ademais, esta nova canle de información tamén ofrece a posibilidade de acceder directamente aos espazos que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia ten dispoñibles nas redes sociais.

PUBLICIDADE