Cultura.gal estrea dúas ferramentas destinadas a fomentar a lectura entre os cativos

luns, 5 de setembro do 2016 Redacción

A páxina web www.cultura.gal vén de estrear importantes novidades dirixidas, precisamente, a facer máis cultura galega. En concreto, o sitio en liña habilitou dos novos materiais para facilitar ás familias e aos mediadores “propostas, ideas e experiencias para a animación á lectura entre os máis novos”. Este novos recursos son A lectura, unha chave de futuro e Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores. Trátase de dúas ferramentas en liña que nacen co fin “de incentivar o gusto e o hábito lector entre o público infantil”. Así o detallou o pasado venres a Consellería de Cultura, que lembra que tamén se poden consultar na libraría institucional da Xunta libraria.xunta.gal/es.
Os materiais, coeditados pola Secretaría Xeral de Cultura, foron presentados na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal polo titular deste departamento, Anxo Lorenzo, que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; por Ramón Vilar, de Ronsel de Ideas, e por Isabel Mociño, de Elos-Galicia, Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.
A idea, sinalou Lorenzo, é axudar ás familias a que fagan fronte común arredor do achegamento dos máis cativos aos libros e á cultura. Trátase, dixo, dunha tarefa compartida entre pais, nais, escola e sociedade, e para facilitar este labor, precisamente, xorden estes “dous novos recursos dixitais”, orientados tamén aos mediadores en xeral (profesorado, persoal bibliotecario, promotores culturais etc).
O manual A lectura, unha chave de futuro, coeditado xunto con Ronsel de Ideas, pretende animar á lectura e concienciar sobre a importancia do hábito lector, para o que presenta ferramentas de utilidade coas que inculcarlles a lectura aos cativos, especialmente aos que están na franxa de 1 a 10 anos. Inclúe, entre outras cousas, orientacións sobre o tipo de libros recomendábeis segundo as idades, suxestións para abordar a lectura dixital e reflexións sobre a utilidade de familiarizar os cativos coas bibliotecas e as librarías.
O manual acompáñase con varios vídeos dispoñibles tamén en www.cultura.gal nos que escritores e escritoras, profesores e axentes culturais de diferentes perfís comparten as súas experiencias arredor dos libros e da lectura nas primeiras idades.
Pola súa banda, a Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores, coeditada por ELOS-Galicia, baixo a coordinación da profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, ofrece unha escolma das obras deste xénero máis relevantes da literatura infantil e xuvenil galega, co fin “de facilitar e acompañar a tarefa do mediador na selección de textos e na planificación da educación literaria”, informouse na presentación, onde tamén se recordou que cada un dos títulos (da autoría de Fina Casalderrey, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz, Xoán Babarro e Ana María Fernández, e Paula Carballeira), acompáñase de información sobre o contexto das obras e os escritores, xunto cunha serie de actividades para traballar cos textos elixidos en diferentes espazos formativos e lúdicos.

PUBLICIDADE