Cultura destina 200.000 euros a actualizar e difundir fondos de museos

venres, 16 de xaneiro do 2026 S. P.

A Consellería de Cultura e Lingua anunciou que vai destinar 200.000 euros para actualizar e difundir os fondos dos museos, así como para facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión. O DOG publica esta convocatoria que está dirixida a entidades locais e privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran cos requisitos establecidos na orde.
Esta liña de axudas colaborará coa entidades beneficiarias cunha achega máxima de 8.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80% do investimento total aprobado. Con elas, sufragaranse actividades dirixidas a inventariar catalogar e documentar os fondos da colección permanente así como, para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos.
Apoiaranse tamén as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación.
Estas achegas, cuxo prazo de solicitudes está aberto desde hoxe ata o vindeiro 16 de febreiro, tamén se centran en apoiar a creación ou renovación das páxinas web dos centros, así como a xeración de coñecemento mediante traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas, así como impulsar a innovación na xestión do plan de difusión de comunicación dos centros museísticos.
A orde deste 2026 mantén os criterios de valoración do pasado ano, nos que se incluíron dous novos. Así, continúa a inclusión de actividades para promover a igualdade no acceso á cultura de colectivos en risco de exclusión social e, por outra, o número de habitantes, dando prioridade aos concellos que conten cunha densidade de poboación máis baixa.