Crysis terá versión remasterizada no verán

xoves, 16 de abril do 2020 Marcus Fernández

O xogo de acción en primeira persoa que foi referente a nivel gráfico durante varios anos prepara o seu retorno, e Crytek anuncia que este verán teremos Crysis Remastered para PC, Xbox One, PlayStation 4 e Nintendo Switch, contando con gráficos remasterizados e optimizacións para a o hardware moderno.
Crysis Remastered centrarse na campaña para un xogador do xogo orixinal, e mellorará o xogo especialmente a nivel de detalles gráficos, texturas, efectos de iluminación, efectos de partículas... así como incorporará néboa volumétrica e incluso ray tracing baseado en software, conseguindo unha importante renovación gráfica.
Este título pretende achegar Crysis a unha nova xeración de xogadores, e sorprende moi especialmente por contar cunha versión para Switch, coa que deixan claro que buscan que esta franquía sexa coñecida por un público aínda maior, que en poucos meses poderá familiarizarse coa misión de rescate que haberá que emprender durante unha invasión alieníxena coa axuda dun Nanotraxe con propiedades como velocidade, forza, armadura e camuflaxe, que facilita toda unha serie de tácticas e ataques moi caracteríticos nun enorme mundo aberto.

Vídeo de adianto de Crysis Remastered

PUBLICIDADE