Crysis 2 estrea demo multixogador para Xbox 360

martes, 25 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Ao falar de capacidade gráfica nos videoxogos nos últimos anos existía un claro referente, o xogo Crysis para PC, pero dende Crytek non quixeron limitar a súa franquía aos equipos informáticos, polo que adaptaron o seu motor gráfico (CryEngine) para consolas de videoxogos, de xeito que o agardado Crysis 2 terá versións para PC, PlayStation 3 e Xbox 360, que chegarán ás tendas o 25 de marzo, aínda que dende esta tarde os posuidores dunha Xbox 360 (con contas Gold de Xbox LIVE) poden xa descargar a versión de demostración do modo multi-xogador deste impresionante título que desta volta fuxe das selvas para colocarnos nunha New York invadida por uns extraterrestres aos que o exército non é capaz de facer fronte, de aí que o noso protagonista teña que entrar en acción por contar cun nanotraxe 2 que permite contrarrestar a ameaza alieníxena con recursos que un soldado normal non podería imaxinar. O nanotraxe 2 pode personalizarse, dotarse de distintas armas, e adaptarse en tempo real coas habilidades de camuflaxe, blindaxe e potencia. Nesta demo poden probarse os modos de xogo Instant Action e Crash Site (o xogo final terá 6 modos de xogo distintos).
Dende Crytek están moi orgullosos do seu traballo e aseguran que o CryEngine 3 é o máis potente que existe na actualidade no que a motores gráficos se refire, destacando que Crysis 2 non tería sido posible con calquera outro motor dos actuais, mentres que tal motor si podería empregarse para os xogos da competencia.


Trailer da demo multixogador de Crysis 2

A acción de Crysis 2 trasládase a New York
O nanotraxe 2 permitirá ao protagonista de Crysis 2 enfrontarse a poderosos inimigos alieníxenas

PUBLICIDADE