Cruz Vermella Pontevedra entregou 170 tabletas para loitar contra fenda dixital

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

Cruz Vermella en Pontevedra fixo balance da súa actividade recente contra a fenda dixital, un problema agravado durante a crise sanitaria pola imposibilidade de moitas familias (familias vulnerábeis e en risco) de levar a cabo teledocencia ou polas dificultades de moitas persoas que viven soas para manter comunicación cos seus familiares. Segundo informou o grupo pontevedrés da ONG, até o día de hoxe foron entregadas máis de 170 tabletas ás persoas usuarias dos seus diferentes programas.
Esta iniciativa ten como finalidade facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e unha mellor información ás persoas en risco de exclusión social, ao tempo que se favorece a relación cós compañeiros e os seres queridos. Para facer posíbel este labor, Cruz Vermella en Pontevedra contou coa colaboración de empresas e entidades como Distribucións Froiz S.A, o Colexio Internacional Sek Atlántico ou a Fundación Vodafone.
Un dos programas impulsados por Cruz Vermella Xuventude foi Promoción do éxito escolar, que se adaptou a modo telemático para dar resposta á falta de recursos de conexión a Internet e de apoio escolar, permitindo que os menores tiveran acceso ás actividades escolares e acompañamentos. En total, realizáronse 798 seguimentos en toda a provincia, 1.406 intervencións educativas e atendéronse máis de 300 demandas.
Respecto ao Plan de Emprego Dixital, buscábase achegar información e orientacións laborais ás persoas na procura dun posto de traballo (fixéronse máis de 1.500 en toda a provincia), afacéndose tamén este programa ás canles multimedia. Para solucionar o problema da fenda dixital neste eido de actividade (preto dun 30% das persoas coas que se traballa dende este programa non dispuña de ningún dispositivo con conexión a Internet) procedeuse a distribuír tabletas en réxime de préstamo.

PUBLICIDADE