CricktoGame, o primeiro xogo galego para Nintendo Switch

mércores, 7 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Polygon.e Studios estrea hoxe na Nintendo eShop o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch, CricktoGame, título que pode adquirirse a 4,99 euros, aínda que durante a xornada de hoxe mantén un desconto de lanzamento do 20%.
CricktoGame: Nintendo Switch Edition é un xogo de quebracabezas cada vez máis desafiantes, que consisten basicamente en emparellar cores nun taboleiro formado por camiños, casiñas e fichas de cores. Todas as casiñas, agás unha, teñen unha ficha enriba, e o xogo consiste en mover as fichas dunha en unha até conseguir que cada ficha dunha cor estea sobre unha casiña da súa mesma cor.
Para enfrontarse aos retos de CricktoGame podemos optar polo seu modo historia (no que iremos percorrendo lugares históricos resolvendo quebracabezas), polo seu modo arcade (no que podemos abordar unha ampla variedade de quebracabezas para desbloquear máis e poder xogar sen a presión do tempo), o modo batalla (no que nos enfrontaremos a outros xogadores) e incluso contaremos cunha selección de retos diarios, semanais e mensuais para gañar recompensas.
Pode xogarse na Nintendo Switch nos seus distintos modos (coa consola conectada ao televisor, en modo tableta ou en modo handheld).

CricktoGame chega a Switch con distintos modos de xogo

Tráiler de CricktoGame para Nintendo Switch

PUBLICIDADE