Creada na Costa da Morte unha guía para difundir o uso de galego na Rede
mércores, 11 de maio do 2011
O galego precisa de Internet e Internet precisa
do galego; con estas verbas tan precisas e ao mesmo tempo
con tanta carga metafórica, os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños,
Ponteceso e Zas, xustifican a súa última iniciativa levada a cabo en prol da
nosa língua: a guía Os meus favoritos, que cobra maior relevancia, se
cabe, agora que o Día das Letras Galegas está á volta da esquina.
Trátase dun catálogo
que veñen de editar os servizos de normalización lingüística dos devanditos
concellos, que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de
ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a
cultura, a mocidade, as redes sociais, os xogos...
Malia que a guía está
editada en papel (para repartir entre distintos colectivos) tamén se vai
difundir en formato dixital, a traves de distintas webs e por correo
electrónico, a aquelas persoas que a soliciten no Servizo de Normalización
Lingüística (SNL) dos catro concellos.
O catálogo servirá,
entre outras cousas, para dar a coñecer todo o que hai no ciberespazo en
torno á nosa língua, que por certo, é moito e moi bo, así como para vencellar o
galego aos novos medios e ás novas tecnoloxías.
Asemade, segundo informan
dende o organismo responsable da iniciativa, outro obxectivo desta ferramenta é
“contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa língua”, algo
que malia que xa se vén facendo dende outros medios, nunca é suficiente cando
se trata de conservar unha lingua senlleira como o galego.
Xa que logo, a
guía Os meus favoritos, da que
se repartirán uns 8.000 exemplares polos catro concellos, recolle
enderezos de sitios web en galego de todo tipo, tales como páxinas para comprar
orixinais camisolas, sitios para escoitar a música galega emerxente, webs de información cultural ou deportiva, e mesmo
ligazóns para xogar en rede ao Trivial
ou ao Catapalabras.
Tamén recolle
información de utilidade e pasos a seguir sobre como configurar en galego os
sistemas operativos, os paquetes ofimáticos ou os navegadores máis populares;
así como a maneira de configurar os nosos perfiles para usar o galego no Facebook
ou no Tuenti.
Guía elaborada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños,
Ponteceso e Zas