Crazy Taxi xa está dispoñible para Xbox 360

mércores, 24 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Hoxe é un grande día para os nostálxicos da consolas Dreamcast de SEGA, pois o clásico xogo Crazy Taxi completa a súa chegada ás consolas de alta definición incorporándose ao catálogo europeo de Xbox LIVE Arcade como título descargable por 800 puntos Microsoft (9,6 euros), permitindo recuperar unha experiencia de xogo que inicialmente puido vivirse en máquinas recreativas e na fracasada consola de SEGA da que tan bos recordos teñen algúns.
O xogo xa chegara o pasado día 17 á PlayStation Store por 9,99 euros, e en ambas versións o título presenta uns gráficos de alta definición a 720p e son envolvente remasterizado dixitalmente, de xeito que a experiencia de percorrer a toda velocidade rúas ateigadas de xente, estradas e variadas localizacións para levar aos clientes do noso taxi ao seu destino no menor tempo posible nunca tivo tal nivel técnico, ao que hai que sumar cadros de puntuacións, logros, 2 modos de xogo (arcade e orixinal) e 16 minixogos que fan aínda máis completo o xogo do que podemos ver o seguinte trailer:

PUBLICIDADE