Coruña acollerá unha fin de semana de lecer e desenvolvemento TIC para a nosa mocidade: o evento Smart Weekend

xoves, 22 de maio do 2014 Redacción

O Concello da Coruña está a preparar unha fin de semana de lecer e desenvolvemento tecnolóxico compartido e cooperativo. A cita será no Coliseum, inserida no programa de actividades do proxecto Coruña Smart City. Segundo informa o Goberno local, “amais de diversión, o evento achega unha gran oportunidade para que a mocidade amosa a súa creatividade e capacidade de desenvolvemento tecnolóxico”. A Smart Weekend, así se chama a xuntanza, desenvólvese a fin de semana do 6 ao 8 de xuño. Terá capacidade para 500 postos de rede Lan con conexión a Internet de alta velocidade por cortesía da operadora galega R. Durante a xuntanza realizaranse diferentes actividades como smart-Lan, smart-Dev e smart-Ideas.
A smart-Lan desenvolverase co formato habitual de Lan-Party. Durante a smart-Lan os usuarios poderán intercambiar información a través dun servidor de DC, participar en actividades, torneos de videoxogos, enquisas e concursos, amais de gañar premios mentres gozan do fin de semana.
Pola súa banda, a smart-Dev é unha competición de desenvolvemento que pretende achegar ao traballador por conta propia da informática “un gran escaparate profesional”, informa a organización. Esta actividade comezará o venres 6 de xuño pola tarde. As empresas que queiran participar exporán unha serie de retos para que os freelance desenvolvan solucións axeitadas ás necesidades definidas durante toda a fin de semana. As solucións presentaranse o domingo 8 pola tarde e os gañadores de cada reto recibirán un premio por cortesía de cada empresa. Ademais, se a solución consegue salientar de xeito especial, achegarase ao seu creador ou creadora a posibilidade de que a empresa lle ofreza unha entrevista de traballo persoal. Segundo engaden os impulsores da iniciativa, “esta actividade ofrece un networking profesional moi interesante, tanto para as empresas como para os desenvolvedores”.
Polo que atinxe a smart-Ideas, é unha iniciativa de Coruña Smart City que consiste nun concurso de ideas e proxectos para facer da urbe galega unha cidade máis eficiente e intelixente. Estas ideas e proxectos serán presentadas o sábado 7 de xuño pola mañá perante un xurado especializado “en formato de elevator pitch”, que consiste en expor a idea dunha maneira clara e concisa e nun máximo de 5 minutos. As ideas poden ser de calquera tipo “sempre que estas sexan viábeis, estean dirixidas ao ámbito urbano, teñan un enfoque sustentábel e estean apoiadas nas novas tecnoloxías da información”, explican os organizadores. “Este concurso”, engaden, “é unha excelente oportunidade para presentar ideas orixinais e creativas para a cidade, ante un xurado involucrado no proxecto de Coruña Smart City que pode verse interesado no desenvolvemento das propostas máis atractivas”.

PUBLICIDADE