Coruña Smart City permitirá notificar a través do móbil as incidencias na cidade

venres, 17 de outubro do 2014 Redacción

Onte tiña lugar o anuncio da licitación do último dos 14 pilotos que compoñen o proxecto Coruña Smart City. Estamos perante un sistema de interacción co cidadán que permitirá establecer unha vía de comunicación directa entre o Concello e os veciños. Os cidadáns disporán dun medio para expor comentarios, opinións ou ideas; unha ferramenta de enquisas coa que solicitar a opinión dos veciños; un instrumento para notificar en tempo real calquera incidencia que se detecte na cidade e unha canle coa que acceder á información municipal pública. Asemade, a aplicación disporá dun sistema que permitirá de maneira sinxela a publicación de novos contidos e funcionalidades para o cidadán.
Cómpre salientar que o obxectivo deste piloto é “fomentar a participación cidadá mediante a interacción cos veciños en todos os eidos da cidade que se relacionen coa súa vida cotiá”. Para iso o piloto, que estará dispoñible para os usuarios a través dun portal web e do móbil, dividirase en varios apartados: un módulo de suxestións e reclamacións; unha plataforma para que o Concello “escoite” todo o que os coruñeses queiran transmitir sobre calquera ámbito da cidade.
A plataforma de interacción cidadá tamén integrará o servizo de información e atención telefónica 010, co fin de que os coruñeses poidan acceder de xeito telemático ás mesmas funcións que teñen dispoñibles por teléfono. O servizo completarase coa posibilidade de acceder en liña á base de datos coa que conta na actualidade o 010.
O proxecto de interacción cidadá disporá dunha aplicación móbil que será “a porta de entrada” a todas as aplicacións desenvolvidas ao abeiro de Coruña Smart City.

PUBLICIDADE