Coruña Smart City dá comezo ás probas de conexións entre os sensores da cidade e a plataforma urbana

venres, 11 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Do proxecto Coruña Smart City temos falado en diversas ocasións, da participación de Gradiant achegando a súa experiencia na Internet das cousas, ou do recoñecemento fornecido polo CPEIG hai aproximadamente dous anos. Agora, toca falar de novo da iniciativa porque semella que deixamos atrás a fase previa aos acontecementos visíbeis. Ou sexa, que todo apunta a que os responsábeis de Coruña Smart City están a levar o proxecto cara ao plano das realidades. De feito, estes mesmos días iniciáronse as probas de conexión entre os sensores da cidade e a plataforma urbana. Lembremos que a iniciativa vén da man do Goberno local e un consorcio integrado por R, Indra, Altia e Iiux.
Como avanzamos, este mesmo xoves os impulsores do programa amosaron as pasarelas (gateways) que facilitarán a comunicación dos sensores e captadores de información do cerebro da cidade. A isto, engadiron, haberá que sumar a instalación os vindeiros días dos primeiros dispositivos a modo de test en varios parques e edificios públicos da cidade. Estas manobras, explican, constitúen “o primeiro gran fito tanxíbel do proxecto de cidade intelixente”.
Acerca dos devanditos dispositivos, deseñados e desenvolvidos polo operador galego R, destacan polo “seu alto contido innovador e pola súa capacidade para integrar tecnoloxías de distintos fabricantes”. Ademais, engade o consorcio, permitirán conectar os sensores e outros elementos de captación de información na cidade coa plataforma urbana de Coruña Smart City, que é o gran cerebro da cidade.
En total, para o proxecto Coruña Smart City fabricaranse 415 pasarelas que se conectarán coa plataforma a través da rede de alta velocidade por fibra óptica de R. A nivel práctico, estes dispositivos captarán a información da rúa. Para facernos unha idea disto, os responsábeis do programa informan que as prazas libres de aparcadoiro (cando o piloto de aparcamento intelixente estea en marcha) serán quen de achegar esta información de dispoñibilidade ao cerebro da cidade e logo estes datos enviarase á aplicación específica do aparcamento intelixente.
Os impulsores de Coruña Smart City tamén informan que as pasarelas concibíronse dende a súa orixe como “dispositivos de moi baixo consumo, o que permite a súa alimentación a través de baterías ou paneis solares”. Ademais, engaden, “son modulares e están preparados para conectarse a todo tipo de redes e protocolos e adaptarse a contornas diferentes en función da súa localización, tanto en interiores como en exteriores, e que poden ser parques, fachadas ou semáforos, entre outros”.
Lembrar tamén que a plataforma urbana conta con infraestrutura precisa para comezar a recibir datos de todo tipo (tráfico, acontecementos sociais ou culturais, etc) e para que as empresas que vaian desenvolver os 14 pilotos previstos poidan conectarse desde o inicio para integrar as súas solucións. Na actualidade licitáronse 10 dos 14 proxectos piloto que actuarán nos diferentes ámbitos da cidade. Entre eles, atópanse en proceso de adxudicación: o Sistema de Rega Intelixente, Sistema de Información sobre Eventos, Eficiencia Enerxética en Edificios Públicos, Visitas Guiadas, Sistema de Calidade e Control de Aire e Ruído e Administración Electrónica.
Para os responsábeis do proxecto galego, o gran obxectivo deste gran cerebro é servir de alicerce para a xestión e integración de todos os servizos e solucións intelixentes que conforman o ecosistema dunha urbe coma a coruñesa en ámbitos como o medio ambiente, a enerxía, a mobilidade urbana, a sanidade, a seguridade, o lecer e o turismo e a eAdministración. Trátase pois dun “centro xestión intelixente” que permite que os sistemas intercambien coñecemento para fornecer “unha visión completa da actividade”.

PUBLICIDADE