Coruña Bloggers celebrará a súa primeira edición o vindeiro mércores

luns, 23 de maio do 2016 Marcus Fernández

David Serantes será un dos relatores de Coruña Bloggers

O novo encontro mensual de blogueiros coruñeses celebrará a súa primeira edición o mércores ás 19:30 horas no Bergin Afterwork Bar sito na rúa Torreiro, buscando xuntar a interesados da zona no mundo das bitácoras da Internet, favorecendo así a relación con outros blogueiros e compartindo coñecementos que poidan resultar de utilidade para progresar na publicación de contidos na Rede. Aínda que estamos ante un evento de balde, prégase á inscrición previa e acudir con como mínimo un quilo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica.

No encontro sortearanse agasallos tecnolóxicos achegados por un par de patrocinadores

Coruña Bloggers abrirá cunha breve charla de Isabel Grandal, Chela, responsable do blog Jubilada Jubilosa, activo dende 2007, quen compartirá a súa experiencia como blogueira depois da xubilación, da que moitos poderán ter algo que aprender, como do relatorio máis amplo que impartirá David Serantes, responsable do blog de Serantes & Cía. e de Beta Privada, quen procurará facer pasar un bo anaco aos asistentes coa súa charla titulada Son blogueiro. Entre o pre e o post.
O encontro conta tamén con patrocinadores que achegan agasallos que sortearanse entre os asistentes e que serán un smartwatch cedido por O Pirata e unha tableta que achega o diario La Opinión Coruña.

PUBLICIDADE