Coruña Bloggers celebra o seu primeiro aniversario o vindeiro sábado

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Dende hai un ano A Coruña acolle unha serie de encontros mensuais ao redor do mundo dos blogs (abordando tamén temáticas próximas), e aínda que habitualmente se celebran os últimos mércores de cada mes, esta décima edición vai ser especial e terá lugar o vindeiro sábado, contando con 8 conferencias, 2 mesas redondas, 18 relatores e 369 asistentes, confiándose en que estes últimos acheguen uns tres quilos de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, o que permitiría que nun único encontro puidese superarse a barreira dos 1.000 quilos de alimentos.
Este evento de carácter solidario é de balde, estando aberta a súa inscrición en liña para controlar o aforo e finalmente é público o seu programa de actividades completo, que botará a andar cun relatorio de Javi Mos, o responsable das redes sociais do programa de televisión Land Rober Tunai Show, ao que seguirá Isaac Martín, autoro do blog de viaxes Chavetas. A media mañá do sábado celebrarase unha mesa redonda de tuiteiros e para completar a sesión matinal entrará en acción o cómico Víctor Grande e a estratega en redes sociais Eva Añón presentará un estudio no que se fai unha radiografía dos blogueiros coruñeses, o que podería trasladarse de xeito doado ao ámbito estatal, dando así conta da situación deste ámbito que algúns daban por morto tras a forte emerxencia de plataformas sociais como Facebook ou Twitter.
Pola tarde, Bernardo Riveira de R impartirá unha charla sobre fibra óptica e big data, a blogueira Begoña Rodríguez achegará ferramentas básicas para a creación dunha marca persoal e/ou profesional, terá lugar unha mesa de blogueiros, o organizador de TEDxGalicia, Marcos Pérez Gulín, compartirá a súa visión sobre o equilibrio entre a xeración de contido de calidade e a forma axeitada de transmitilo, entregaranse os premios dos concursos aos máis chiadores e aos mellores selfies e, a xeito de peche, a xornalista Nani Arenas falará sobre como comunicar nos século XXI.
O encontro estará conducido polo xornalista Alfonso Hermida, e dende a organización apuntan que aínda quedan invitacións dispoñibles para poder participar e así aprender algo máis sobre blogs, redes sociais, Internet e tecnoloxía á vez que se pasa unha amena xornada.

PUBLICIDADE