Corgos di que o Programa Galego de IA afondará nunha Administración máis áxil, eficiente e personalizada

xoves, 8 de maio do 2025 S. P.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe a posta en marcha do Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que recollerá as actuacións do Goberno galego para afondar nunha Administración “cada vez máis áxil, máis eficiente e capaz de ofrecer servizos máis personalizados á cidadanía e ao tecido empresarial”, dixo.
Con esta finalidade, Corgos precisou que se están a celebrar reunións coas distintas consellerías co obxectivo de identificar as súas necesidades a cubrir coa Intelixencia Artificial, ademais das achegas que xa están a elaborar os membros do Consello Galego de IA.
Durante a inauguración do III Foro Empresa e Intelixencia Artificial, organizado por Quincemil, Corgos destacou o esforzo que está a facer a Xunta para desenvolver a Lei de IA, aprobada recentemente no Parlamento galego.
Nesta liña, afirmou que a Xunta “está xa a traballar tamén no rexistro de sistemas de IA, tal como prevé a nova norma e esixe o regulamento europeo, para poder ter información en tempo real da existencia e funcionamento de todos os sistemas desta tecnoloxía na Administración autonómica”.
Engadiu que “estamos a traballar na posta en marcha da Oficina de IA de Galicia”, apuntou, subliñando que esta será a encargada de coordinar o cumprimento tanto do regulamento europeo como da lei galega, así como de ofrecer asesoramento nesta materia ás distintas unidades da Xunta. Ademais de ser o interlocutor coa Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) e coa Oficina Europea de IA.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu aseverando que, coa nova lei de IA e co seu progresivo desenvolvemento, Galicia “está preparada para aproveitar as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial”.
Neste momento, sostivo, “a Intelixencia Artificial estanos a axudar xa a proporcionar servizos públicos máis áxiles, máis personalizados, máis accesibles e máis seguros, con garantías de eficacia e respecto aos dereitos das persoas e á súa seguridade; e no futuro inmediato estou convencido de que seguirá favorecendo este necesario proceso de avance continuo na Administración autonómica, contribuíndo a mellorar a calidade de vida e o benestar, ademais de axudar a xerar riqueza”, aseverou, reiterando o compromiso de seguir traballando da man do sector empresarial para cada vez facer un maior e mellor uso da IA.