Coremain xunta forzas co Clúster Alimentario de Galicia
xoves, 11 de xullo do 2019
Coremain,
referencial e histórica empresa galega de novas tecnoloxías,
anunciou a semanas pasadas a súa adhesión ao Clúster
Alimentario de Galicia (CLUSAGA), que agrupa a 60 empresas do
sector e outras tantas entidades engadidas, entre entes públicos,
centros tecnolóxicos e empresas do ámbito das tecnoloxías da
información (máis dunha ducia de firmas, entre as que se atopa,
precisamente, Coremain).
Segundo
informa a compañía TIC con sede principal en Santiago, no Polígono
de Costa Vella, o “noso obxectivo é apoiar a transformación
dixital do sector alimentario a través de propostas tecnolóxicas
innovadoras que axuden a modernizar procesos para aumentar a
competitividade, a eficiencia e a rendibilidade dun sector clave para
Galicia”.
Ademais,
Coremain participará activamente no Dixital Innovation Hub,
impulsado por CLUSAGA e CEAGA (o Clúster de Empresas de Automoción
de Galicia), un ecosistema I+D+i que comezará a operar en 2020
achegando ideas innovadoras para a súa aplicación en PEME galegas.
Coremain tamén anunciou a súa colaboración como empresa técnica
na Business Factory Food, a primeira aceleradora para proxectos de
emprendemento no sector alimentario.