Coremain volve achegar soporte tecnolóxico á campaña Acción Verán 2020

venres, 18 de xuño do 2021 S. P.

A Dirección Xeral de Xuventude vén de renovar a súa confianza na firma tecnolóxica Coremain para a asistencia técnica para a xestión dos programas que comprenden a campaña Acción de Verán 2021, centrada na oferta de prazas en campamentos estivais, campos de voluntariado, programas de intercambios bilaterais con outras Comunidades e campamentos Coñece Galicia para mozos entre 9 e 17 anos.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro que comprenden a campaña, Coremain achegará medios técnicos e recursos humanos, así como a súa bagaxe en sistemas de información que dan soporte á Dirección Xeral de Xuventude para “garantir a correcta tramitación dos expedientes de solicitude e a transparencia nos procesos de sorteo, adxudicación de reservas e prazas ofertadas ante o cidadán”, sinalou a empresa con sede principal no Polígono de Costa Vella, en Santiago.
Este ano e baixo a lema O verán que mereces a campaña de Acción de Verán 2021 repartiu 7.830 prazas para rapazas e rapaces de entre 9 e 17 anos, 1.000 máis que na pasada edición. Ademais, incluíronse 185 vacantes para persoas con discapacidade de entre 11 e 41 anos e outras 60 para menores baixo tutela. Coremain destaca que este ano máis do 70% das 10.880 solicitudes recibidas foron telemáticas, o que “redunda na optimización dos procesos e no alivio da carga de traballo e a redución dos posíbeis erros inherentes á mecanización manual por parte do persoal da Dirección Xeral”.

PUBLICIDADE