Coremain nomea a Tito Barreiro director de Desenvolvemento de Negocio Global
xoves, 19 de setembro do 2013
A empresa Coremain,
con sede en Santiago, vén de informar que xa conta cun departamento
novo de seu, máis polo miúdo a súa Dirección de Desenvolvemento
de Negocio Global, que unifica a área comercial da compañía. A
nova Dirección estará baixo as rendas dun dos directivos de
Coremain, Tito Barreiro, que dende hai cinco anos viña ostentando o
carto de director comercial para a zona norte. Con este nomeamento,
engade a empresa, preténdese homoxeneizar baixo unha única área
territorial toda a oferta comercial, potenciando a orientación a
sectores e unha estratexia de venda enfocada tanto a servizos como a
produto.
A decisión enmárcase no
proceso de evolución de Coremain que en boa medida comezou a
principios deste ano trala incorporación de Luis Álvarez Sestelo ao
cargo de director xeral e tralo artellamento das liñas xerais da
nova estrutura organizativa da firma, “máis adaptadas ás
esixencias dos mercados actuais”.
Tito Barreiro, vigués de
39 anos, é licenciado en Administración e Dirección de Empresas
pola Facultade de Económicas e Empresariais de Vigo e posúe unha
dilatada experiencia no sector das novas tecnoloxías, ao que leva
vencellado máis de dez anos, durante os cales desenvolveu a súa
carreira profesional sempre en postos de responsabilidade na área de
vendas.