Coremain mostra á rapazada como se traballa nunha empresa TIC

luns, 6 de maio do 2019 Redacción

Coremain é unha das empresas que participan no plan Digitalent da axencia AMTEGA, dirixido a fomentar as xa de por si importantes capacidades tecnolóxicas e científicas do noso alumnado. En virtude disto, a empresa TIC con sede principal no Polígono de Costa Vella de Santiago está a realizar actividades para mostrar á rapazada como é o día a día dunha empresa de novas tecnoloxías e que posibilidades se abren ao abeiro desta profesión, chamada a impulsar a gran revolución económica do noso tempo. A finais de abril, sen ir máis lonxe, Coremain recibiu os primeiros estudantes inscritos en O Core das TIC, a proposta desenvolvida pola empresa ao abeiro de Digitalent.
En virtude desta actividade, un total de sete estudantes de bacharelato do IES Brión (A Coruña) viviron “en primeira persoa” como é o día a día nunha compañía TIC, coñecendo a organización e a forma de traballar da empresa e experimentando de maneira práctica os labores da profesión tecnóloga.
Por unha banda, e no marco dos proxectos de automatización desenvolvidos pola área BPO de Coremain, puideron coñecer o ciclo de vida dun proxecto TIC, desde o seu inicio ao detectarse unha necesidade dun servizo, até a formación do equipo e o acordo co cliente, a través dun obradoiro práctico. Os alumnos, deste xeito, utilizaron algunhas das tecnoloxías que aplica o equipo técnico de Coremain, executando unha práctica de automatización xunto a algúns compañeiros do equipo de I+D do proxecto.
En materia de robótica, realizaron un exercicio dunha función en .NET para a composición dunha calculadora, a través da cal puideron coñecer a linguaxe utilizada no proxecto e a súa aplicación para dar intelixencia aos robots.
Até o mes de xuño a compañía compostelá proseguirá recibindo a visita doutros estudantes galegos inscritos ao proxecto O Core das TIC.

PUBLICIDADE