Coremain lánzase a formar en blockchain

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa Coremain está a pechar o ano cunha actividade formativa sobre as tecnoloxías que van mudar (converténdoo en máis seguro, eficaz e eficiente) o xeito de xestionar, compartir e información entre empresas e empresas, entre empresas e clientes ou entre administracións e cidadáns. Estamos a falar das tecnoloxías blockchain, cadea de bloques. A actividade formativa ten prevista unha duración dun total de 40 horas e está concibida para achegar coñecemento, prácticas e adestramento a un total de 15 empregados. Juan González, responsábel de seguridade e privacidade do Centro Tecnolóxico Gradiant, será a persoa encargada da formación.
Segundo informa Coremain, trátase dunha “formación moi completa”, que contou co apoio de IGAPE e Fondo Social Europeo e coa que o equipo de Coremain poderá profundar en todos os aspectos relevantes do eido blockchain de face á súa aplicación nos proxectos da compañía compostelá: dende os aspectos máis básicos (cifrado, criptomoedas, nodos P2P, transaccións, seguridade) até o desenvolvemento de aplicacións descentralizadas e as conexións con tecnoloxía IoT (Internet of Things), ademais da súa aplicación en diferentes sectores como a banca dixital (fintech), a saúde dixital (a eSaúde) ou no desenvolvemento de proxectos colaborativos.
Na segunda parte da formación abordarase o desenvolvemento de software (API, librarías, pasarelas de pago, etc.) e afondarase nas características e a administración do blockchain Ethereum, amais de traballar con diferentes ferramentas e desenvolver aplicacións concretas co “obxectivo de pór en práctica os coñecementos teóricos adquiridos”.

PUBLICIDADE