Conxelan os procesos de reclamación xudicial iniciados con cartas ameazantes antipiratería

luns, 2 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses milleiros de clientes españois de Euskaltel e Movistar recibiron cartas no seu domicilio esixindo o pagamento de entre 400 e 1.500 euros por presuntas infraccións do copyright remitidas por un despacho de avogados en representación de terceiras empresas (Voltage Pictures e Crystalis Entertainment).
Os avogados aproveitaron unha anterior sentenza xudicial para poder solicitar a operadores a listaxe de persoas que contrataron as liñas de acceso á Internet en base a enderezos IP detectados en redes de intercambios de ficheiros (P2P), no que semella un abuso na interpretación da sentenza anterior que levou a numerosas reclamacións ante a Axencia de Protección de Datos (aínda sen resolver), levando tamén a que as preocupacións sobre este tipo de proceder (tamén presente noutros países europeos) chegasen incluso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Ante esta situación o Xulgado do Mercantil nº 2 de Bilbao decidiu conxelar todos os procesos abertos na sala até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea tome posición sobre o asunto.
Este asunto é de grande importancia porque a lexislación española sobre copyright redactouse pensando na persecución de grandes infractores, e as actuacións dirixidas a usuarios particulares corresponden a outros modelos nos que non existe o concepto de copia privada. O máis probable é que se considere que este tipo de reclamacións non son lexítimas, xa que o contrario oporíase tanto á doutrina xudicial existente como ao espírito da lexislación vixente.

PUBLICIDADE