Convocados 90 centros e 6.000 alumnos para participar por videoconferencia no III Día da Ciencia en Galego

martes, 6 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística, CGENDL, sumouse un ano máis ás actividades do Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego (4 de novembro). E fíxoo convocando ao meirande número de centros educativos galegos botando dunha tecnoloxía que permite, precisamente, esta multiplicación de colaboradores e participantes e sen que sexan precisos grandes investimentos: a tecnoloxía da videoconferencia. A actividade celébrase este martes 6 de novembro, baixo o epígrafe Facendo Física de Partículas polo mundo. O obxectivo é sumarse a unha festividade que se ben estaba fixada para o día 4, presenta múltiples ramificacións. Falamos do III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego (a vertente galega, ceibe de apoios oficiais e ataduras, da Semana da Ciencia), convocada polos colectivos de docentes das áreas científicas e tecnolóxicas. En total, participan na dita xeira telemática máis de 6.000 alumnos e 90 centros.
Para o seu desenvolvemento contouse coa axuda do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Na actividade participan, máis en detalle, investigadores galegos que están a desenvolver o seu traballo nos eidos da Física de Partículas dende diversos recantos de toda Europa e dentro do ámbito da Educación Secundaria. O alumnado galego ten pois, este martes 6, a oportunidade de interactuar cos relatores a través dun chat, complementario á videoconferencia.
Lembrar que o Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego ten como obxectivo demostrar que a nosa lingua é un idioma apto para o desenvolvemento das materias científico-técnicas no ensino,eidos excluídos para o galego en diferentes niveis educativos segundo o Decreto para o Plurilingüismo”, sinala a Coordinadora.
Ás 12:30, e cunha duración dunha hora, dá comezo a videoconferencia dirixida ao alumnado de ensino secundario baixo o título Facendo Física de Partículas polo mundo, na que participan como relatores Patricia Conde (física do experimento ATLAS do CERN que investiga no LIP de Lisboa), Olalla Castro (profesora no City University de Londres que investiga en Teoría Cuántica de Campos), Abraham Gallas (investigador do CERN e físico do experimento LHCb do CERN en Xenebra), Carlos Salgado (investigador do CERN e a USC que investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo) e Cibrán Santamarina (profesor da Universidade de Santiago que traballa no experimento LHC do CERN).
Segundo apuntan os organizadores, a inscrición de centros educativos foi moi alta e superáronse as expectativas previstas, posto que tiveron que ficar institutos e colexios fóra das 100 conexións outorgadas por esixencias técnicas do software empregado para a ocasión. En total, serán algo máis de 6.000 rapaces e rapazas de toda Galicia os que sigan as intervencións dos relatores, aos que lles dirixirán preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia. “Con esta actividade e outras presenciais que se celebran nos centros de ensino e na Universidade dende hai uns 15 días”, engaden dende a Coordinadora, “os colectivos convocantes, como AGAPEMA, APETEGA e ENCIGA, pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma”.

PUBLICIDADE