Control para PC e The Medium chegan este mes ao Game Pass

martes, 19 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O Xbox Game Pass quere rematar xaneiro deixando aos seus subscritores con bo sabor de boca, polo que ten prevista a chegada de grandes xogos que sen dúbida serán ben recibidos. Un dos días fortes será este xoves, cando o impresionante Control poderá gozarse en PC (a versión para consolas do xogo de Remedy xa está incluído en Game Pass), chegando este título acompañado por Desperados III para consola, PC e Android, Donut County para consola PC e Android e Outer Wilds para Android. Os dous últimos xogos son títulos independentes, da aí que apenas sexan coñecidos.
Logo, o 26 de xaneiro teremos Cyber Shadow para consola, PC e Android, no que podemos ver un petisco antes do fortísimo día 28, no que as versións rematererizadas para consola, PC e Android de Yakuza 3, Yakuza 4 e Yakuza 5 chegarán aos Game Pass xunto coa grande estrea do mes para Xbox Series X|S e PC: The Medium.
The Medium é un dos xogos máis agardados para Xbox Series X|S, buscando abraiar ao usuarios coa súa proposta na que unha médium pode explorar ao mesmo tempo o mundo real e o mundo dos espíritos, usando habilidades psíquicas para resolver quebracabezas que mesturan ambos mundos, así como para sobrevivir a encontros con Fauces, un monstro nacido a partir dunha traxedia.

PUBLICIDADE