Contactnova fai reconto do seu labor tecnolóxico e formativo nos pasados comicios autonómicos

xoves, 13 de decembro do 2012 Redacción

O equipo de control de incidencias, dirixido polo conselleiro delegado do Grupo Netaccede, Marcelino Otero (no centro)

Os pasados comicios electorais autonómicos asentaron unha boa parte do seu desenvolvemento nunha empresa TIC galega da que temos falado en Código Cero para dar conta, entre outras cousas, dos seus investimentos e innovación e equipamentos. Falamos da firma Contactnova, que unha vez máis foi a encargada de xestionar o proceso electoral, a través de Netglobal Consultores Asesores, e asumindo, nun plano máis detallado, funcións como o deseño e desenvolvemento da web electoral, o operativo dos representantes da Administración nos colexios electorais, o deseño e desenvolvemento da plataforma de formación en liña (a través da cal se achegou aprendizaxe a arredor de 2.770 representantes da Xunta) e a xestión do teléfono do elector.
Toda a xestión do operativo humano e tecnolóxico, informa Contactnova, permitiu á Xunta obter os datos de apertura das 4.028 mesas electorais existentes, coñecer a participación durante a xornada de votación e, ao peche das mesas, enviar os resultados do escrutinio aos equipos de captura e gravación de datos, onde se consolidaron para seren ofrecidos polas diferentes canles de difusión. Polo que atinxe á web institucional das eleccións, eleccións2012.xunta.es, foi máis que nunca unha ferramenta indispensábel para atender ás crecentes demandas de información electoral da cidadanía galega, sobre todo no que se re refire a aspectos como o desenvolvemento e os aspectos fundamentais dos comicios. Asemade, rexistrouse importante actividade na descarga de documentación para os axentes involucrados no proceso, “o que supuxo un enorme aforro económico para a Xunta de Galicia”, sinalan fontes de Contactnova, que salientan, por outra banda, o feito de que a web estivese dispoñíbel as 24 horas e os sete días da semana para a sociedade galega.

PUBLICIDADE