Constrúen unha recreativa partindo dun Steam Link

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os amantes dos videoxogos retro levan moitos anos restaurando vellas máquinas recreativas e construíndo máquinas a medida, para o que tanto colocaban un ordenador completo dentro dunha vella máquina até fabricaban mobles a medida nos que integrar hardware máis moderno como as célebres placas Raspberry Pi para así facer unha máquina multi-xogo na que rememorar os vellos tempos (o que se coñece como RetroPi), pero un usuario de Imgur que responde ao alcume de Inferno156 vén de compartir a súa última creación, denominada The Steam Engine Arcade, que consiste na creación dunha máquina recreativa empregando como elemento central un Steam Link mercado por só 5 dólares nas rebaixas de Nadal.

O hardware que alimenta a recreativa é moi básico

Lembremos que o Steam Link é un accesorio creado por Valve que permite empregar os xogos do noso ordenador persoal de xeito remoto a través de streaming, ou sexa, que permitiría gozar dos xogos de PC no televisor do salón sen ter que levar alí un ordenador de sobremesa grande e ruidoso. Se conectamos este accesorio a un par de mandos arcade e a unha pantalla, temos un equipo que permite gozar de calquera xogo que estea dispoñible en Steam (a meirande tenda dixital de xogos para PC) conservando a estética e o xeito de xogar dunha recreativa, coa vantaxe de ocupar pouco espazo e non emitir ruído aínda que gocemos dos títulos máis potentes do mercado (xa que o equipo informático que corre os xogos estaría noutra estancia).
Probablemente non estamos ante unha solución para montar unha máquina recreativa que satisfaga a moitos, pero a curiosa idea de aproveitar un Steam Link para unha creación de aire retro ten o seu aquel, e probablemente inspire a máis de un a desenvolver proxectos semellantes.

Esta curiosa máquina recreativa pode correr calquera xogo da nosa biblioteca de Steam

PUBLICIDADE